PASEOS MATEMÁTICOS POR OLEIROS: IGREXA NOVA DE SANTA CRUZ

Nestes paseos matemáticos xa exploramos varias igrexas do concello, o que nos permitiu ver diferentes estilos arquitectónicos. Desta vez imos dar un salto de séculos e observar a nova igrexa de Santa Cruz.


A igrexa foi encargada en 1966 por Josefa Rosa Alonsa, viúva de Leopoldo Abente para que fose construída nun terreo da súa propiedade. O seu autor foi o recoñecido arquitecto Miguel Fisac, que posteriormente recibiu a Medalla de Ouro da Arquitectura (1994) e o Premio Nacional de Arquitectura (2003).

Se comparamos este edificio con outras igrexas das que falamos neste blog o primeiro que chama a atención é que a forma é totalmente diferente ás anteriores. As outras eran fundamentalmente de pedra, mentres que esta é de formigón. E se naquelas as formas básicas eran rectángulos e liñas rectas, agora o que dominan son as curvas, como podemos ver no seu plano.




Nos séculos que separan unhas das outras houbo por suposto moitos cambios. Por unha parte a tecnoloxía permitiu cambiar as formas permitindo abrir espazos moi amplos e por outra nos anos sesenta do século XX tivo lugar o Concilio Vaticano II que buscaba renovar a igrexa católica e tamén influíu na arquitectura dos novos templos.

Se nos paramos a observar o plano anterior podemos analizar que tipo de curvas aparecen. Poden parecer estrañas, mais en realidade todas son arcos de circunferencia. Podemos observar as trece circunferencias e os seus centros nesta imaxe:




Tamén podemos comparar os ángulos de inclinación do teitos correspondentes. Se en Dexo ou Maianca o teito (a dúas augas) formaba un ángulo de 22,5 °, neste caso a inclinación é menor, de entre 10 e 11 graos.




Nesta imaxe vemos os dous volumes que forman o edificio. Se comparamos as alturas máximas, están en razón áurea? Pois non, aínda que por pouco, xa que a razón é de aproximadamente 1,75.

Localización: 43° 20' 43" N - 8° 20' 47" W

Para saber máis:

      La iglesia de Santa Cruz, 1966/1971, de Esteban Fernández-Cobián: https://www.santaeulaliadelians.com/wp-content/uploads/2020/12/La-iglesia-de-Santa-Cruz-Pioneros-2016.pdf

      Ficha en DO.CO.MO.MO. Ibérico: https://docomomoiberico.com/edificios/iglesia-nueva-de-la-santa-cruz/

Comentarios

Entradas populares de este blog

II CONCURSO DE FOTOGRAFÍA MATEMÁTICA

MATEMÁTICAS NO STEMBACH

XIV CONCURSO INCUBADORA DE SONDAXES E EXPERIMENTOS