PASEOS MATEMÁTICOS POR OLEIROS: BIBLIOTECA RIALEDA

 A Biblioteca Pública de Rialeda está situada en Perillo, nun edificio deseñado polo arquitecto Rafael González Villar en 1912. A intención era facerlle un agasallo á súa esposa, mais esta faleceu só dezaoito meses despois e non chegou a ser o fogar do matrimonio. Por iso dedicouse a restaurante ata mediados do século XX. A partir de aí pasou por diferentes propietarios, ata que o último dono asinou un convenio de doazón ao concello de Oleiros en 1998.

No edificio, González Villar amosou as influencias que recibira nas súas viaxes por Europa. Así, aínda que hai elementos modernistas, como as reixas das fiestras do andar baixo, descóbrense sobre todo elementos decorativos xeométricos, que lembran a arquitectura da Sezession, movemento artístico vienés que rompeu co modernismo buscando máis sobriedade. É recoñecida a inspiración que supuxo a colonia para artistas de Olbrich en Darmstadt (Alemaña).


Esta sinxeleza obsérvase por exemplo nesta imaxe en que se ve que a decoración baséase simplemente en formas sinxelas: xanelas rectangulares e outras curvas que se achegan case exactamente a arcos de elipse, semicírculos sobre algunhas portas e cadrados e triángulos rectángulos na parte superior:

Como curiosidade, podemos ver como se crean elementos decorativos cunhas simples lousas cadradas colocadas unha canda outra. Se con dous cadrados formamos unha peza de dominó, con tres construímos os dous posibles trominós, con catro os cinco tetrominós (coñecidos polo Tetris) e con cinco os doce pentominós.

Na fachada vense trominós, tetrominós, hexominós e ata figuras con máis cadrados:




Podes tratar de imaxinar como habería que chamar esas figuras con tantos cadrados.

Localización: 43º 1' 59" N - 8º 2' 14" W

Para saber máis:

  1. http://www.oleiros.org/web/concello-oleiros/bibliotecas/biblio/rialeda-perillo (A biblioteca Rialeda na páxina do concello de Oleiros)
  2. https://artnouveaucoruña.com/personajes/rafael-gonzalez-villar/ (Vida e obras de Rafael González Villar)
  3. Modernismo na Coruña e a súa área metropolitana, de José Ramón Soraluce Blond: https://ruc.udc.es/dspace/bitstream/handle/2183/17488/SoraluceBlond_JR_Modernismo_en_A-Coruna_2013.pdf?sequence=2&isAllowed=y

Comentarios

Entradas populares de este blog

REMATE DE CURSO:

XVI FEIRA MATEMÁTICA

PASEOS MATEMÁTICOS POR OLEIROS: TRANSFORMACIÓNS XEOMÉTRICAS