PASEOS MATEMÁTICOS POR OLEIROS: CASA CHARRY

Desde finais do século XIX, Oleiros converteuse nun lugar que a burguesía coruñesa considerou ideal para establecer unha segunda residencia e por iso podes ver moitas casas e vilas deses anos. Unha delas é a Casa Charry, situada xunto ao concello de Oleiros.


A Casa Charry é un edificio construído contra 1912 que foi reformado para o seu uso como equipamento cultural. Foi deseñado con influencia francesa e toques modernistas. O modernismo ou art nouveau é un estilo decorativo que se desenvolveu a finais do século XIX e principios do XX e que se distinguiu especialmente pola inspiración na natureza e o uso de liñas curvas e materiais como o aceiro e o cristal.

De fronte á entrada da casa podemos ver que non é simétrica como se ve no rectángulo vermello da imaxe. A parte superior é unha curva. Analízandoa, vemos que é unha circunferencia que ten o seu centro no balcón da parte superior.


Posiblemente os elementos que máis destacan son as decoracións modernistas, que podemos ver como frisos. En matemáticas, un friso é un recubrimento dunha rexión do plano entre dúas rectas paralelas. Pode estudarse como a aplicación de dous movementos sobre unha figura básica. Estes movementos poden ser simetrías, xiros de 180 ° e translacións e existen só sete tipos diferentes de frisos.

Os frisos que vemos na Casa Charry son todos do mesmo tipo. Podemos velo nalgún dos balcóns: á figura marcada en cor marrón realízaselle unha simetría seguindo un eixe vertical (figura verde). A continuación aplícase unha translación para repetir sucesivamente a decoración (figura rosa).




Se nos fixamos noutros elementos decorativos podemos ver como se utiliza o mesmo tipo de frisos.



Por último, se miramos a planta do edificio en Google Maps, vemos que ten forma de L. Pódese enmarcar nun rectángulo do que a casa ocupa catro sextos.



Por certo, o rectángulo vermello é un rectángulo áureo. Casualidade? Talvez...

Localización: 43° 19' 58" N - 8° 19' 03" W

Para saber máis:


Comentarios

Entradas populares de este blog

REMATE DE CURSO:

XVI FEIRA MATEMÁTICA

PASEOS MATEMÁTICOS POR OLEIROS: TRANSFORMACIÓNS XEOMÉTRICAS