PASEOS MATEMÁTICOS POR OLEIROS: SANTA MARÍA DE DEXO

Seguramente moitas veces oíches que as matemáticas están en todas as partes. Pois neste blog tamén trataremos de visitar diferentes lugares do concello de Oleiros cunha ollada matemática. Comezaremos por unha visita á igrexa de Santa María de Dexo.


Este templo é unha pequena igrexa rural de estilo románico que foi construída no século XII, aínda que como é habitual sufriu varias reconstrución e modificacións, como a construción da espadana para as campás a finais do século XVIII.

De fronte á porta principal podes darte conta da simetría da súa fachada, ademais dalgún elemento decorativo xeométrico, como o óculo circular situado sobre a portada. Fíxate ademais que a cuberta da igrexa é a dúas augas, é dicir que non é plana senón que forma un ángulo. Pois se medimos ese ángulo descubrimos que é case exactamente de 135 °. Se non che di nada ese número, pensa que é o suplementario de 45 °, que é un ángulo que podes debuxar usando unha escuadra.

Imos fixarnos agora na portada, formada por tres arquivoltas con decoracións xeométricas moi sinxelas como o simple axadrezado da parte máis interior (se queres ver exemplos moito máis espectaculares proba a buscar por internet taqueado jaqués). Un elemento moi recoñecible da arquitectura románica é o arco de medio punto, que ten forma de semicircunferencia. Con axuda de Geogebra podemos comprobar a grande exactitude das semicircunferencias concéntricas.

Eses mesmos arcos de medio punto podemos descubrilos nas portas laterais da igrexa.

Seguro que se te achegas a este lugar atoparás outros elementos matemáticos, ademais de simplemente gozar da arte e da contorna do lugar.

Localización: 43º 23' 40.9" N - 8º 19' 21.9" W

Para saber máis:


Comentarios

Entradas populares de este blog

REMATE DE CURSO:

XVI FEIRA MATEMÁTICA

PASEOS MATEMÁTICOS POR OLEIROS: TRANSFORMACIÓNS XEOMÉTRICAS